Saturday 04 de May de 2024

A Xunta pon en valor a Rede Eures transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal na identificación de oportunidades laborais


A directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, puxo en valor hoxe en Santiago de Compostela o traballo que desenvolve a Rede Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal na presentación do informe de mobilidade transfronteiriza, que desenvolve anualmente a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Toca sinalou que esta rede, coa que colabora a Xunta, é na actualidade unha estrutura de referencia na Eurorrexión no que atañe ao coñecemento de dereitos e obrigas relativas á mobilidade transfronteiriza de persoas traballadoras e empresas.

A directora de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social destacou que esta Rede axuda a coñecer ás tendencias do mercado laboral da Eurorrexión e, polo tanto, a identificar as necesidades e oportunidades de emprego desta zona para facilitar o acceso ao mesmo aos demandantes de traballo. Esta información, en palabras de Toca, permite á Xunta deseñar accións “para anticiparnos ás necesidades das empresas e traballadores en materia de emprego, formación e mobilidade”.